O programa Pinto e Maragota do concello de Pontevedra organiza de maneira anual unhas xornadas de formación do profesorado dirixidas á atención á diversidade de xénero e orientación sexual nas aulas.
Na edición de 2022 das xornadas tiven a ocasión de dar unha palestra sobre LGBTfobia, na cal presentei en primeira instancia cal é a abordaxe clásica da LGBTfobia por parte das institucións, desglosando esta nas súas compoñentes (afectiva, cognitiva, condutual, clásica, liberal, e estrutural), e cal adoita ser a proposta de abordaxe para cada unha delas.
Seguidamente presentei unha nova perspectiva sobre a LGBTfobia que emerxe dos estudos queer e que afronta esta como unha parte inherente ao sistema cultural e económico no que vivimos, polo que require do desmantelamento do mesmo para ser superada.
Esta presentación foi a que deu apertura á xornada, e tiña como fin asentar un marco teórico desde o que encadrar as propostas do resto de relatoras (as cales tiñan un caracter máis práctico), así como dar ferramentas útiles para profesorado en todos os niveis de formación, tanto aquelas que non coñecen o significado das siglas LGBT como das que teñen unha extensa formación en xénero.